martes, 9 de octubre de 2007

Decido aproveitar unha das miñas últimas tardes libres para visitar Alcalá. Pero o gremio da banca (ai, a banca!!) impídemo. Ao querer sacar cartos no único caixeiro que teño nun kilómetro á redonda, somentes da billetes de 50. ¡A ver quen é o guapo que ten narices de poñerlle un billete de 50 diante dos fociños a un conductor de autobús madrileño!!!!!! Ademáis, pasan 3 buses cara o centro antes de que vexa un que me leve cara o meu destiño e cánsome de agardar.
Así que nada, cambiamos de liña de bus; non parece mal día para ir visitar o Museo Antropolóxico. Baixo á beira do Retiro para ir dando un paseíño por todo el ata o fondo, camiño do museo (está unha tarde caralluda e posiblemente non dispoña doutra semellante no inverno que se bota enriba). Esta sensación de ser a miña última visita ao Retiro imponme a obriga de tomar unha horchata nunha das terrazas con vistas ao estanque.
Paso pola entrada ao parque desde o Caserón del Buen Retiro, onde vexo unhas árbores podadas con forma de miolos (nunca tal vira) e continúo un lento paseo pola “fraga da lembranza” (en memoria das víctimas do 11M), rodeando o fermosísimo Palacio de Cristal. Sigo baixando (en todos os sentidos, pois vou costa abaixo e en dirección sur) pasando a carón do Observatorio Astronómico, que está nun outeiriño que hai 50 anos debía ter unhas vistas caralludas sobre a estación de Atocha cara todo o sur da provincia.
Outro chasco. Chego ao museo e resulta que está en obras e as dúas únicas saas visitables pechan en media hora (non o entendo, aínda son as seis). Así pois, segundo cambio de plans da tarde; iremos botar un vistazo ao Reina Sofía, á outra beira da estación.
Á beira do Museo Antropolóxico paso diante do Ministerio de Agricultura, un edificio espectacular de finais do XIX que agora “ocupa” unha galega (Elena Espinosa), atravesando a rotonda de Atocha. Mi madriña, isto si que é desenrolo: unha rotonda de seis carrís; quen nola dera no centro de PO (non podo evitar unha lembranza para as pelis españolas dos 60, con Tony Leblanc dando voltas cun motocarro arredor desas enormes rotondas ao son dunha música tipo “parabarabaaaaaaa”).
Fronte á estación, o Diamante (o rei dos bocatas de calamares). Paso por diante lembrando a miña primeira visita a Madrid, con 17 anos e formando parte dun grupo de adolescentes con gañas de carallada. Pasamos unha semana comendo racións de medio polo asado con patacas fritas aquí mesmo, e a graza que nos facía que se comese de pé nunhas barras pegadas á parede. ¡¡Cando es novo faiche graza cada paxarada!!
Ao chegar fronte ao Reina Sofía decátome de que as visitas a lugares pechados podo deixalas para as escuras tardes de inverno (terá calefacción,digo eu); así que volvo a cambiar de plans e voume costa arriba (bordeando Lavapiés) camiño de Santa Ana.
¿Cantas veces cambiei xa de destiño hoxe? Non sei por que, vénme á mente a administración de lotería de Doña Manolita. Está alá no alto, no medio da Gran Vía, pero non teño nada que facer, así que cara alá me dirixo agora.
Vou bordeando a rúa Huertas (xa a teño moi vista) para percorrer outras paralelas polas que non teño pasado. No número 34 da rúa Sta. María atopo un comercio de instrumentos musicais, pero xuraría que no escaparate hai toda unha variedade de aparatos (novos e usados) que de seguro non se poden atopar nunha tenda normal. Moi étnico todo. Igual que varios comercios moi “curiosos” que atopo pola zona, como as tendas de segunda man baixo o nome de Vintage, que o fai máis “pijo”. Hai unhas cantas entre Santa Ana, Chueca e Fuencarral. ¡Canta xente hai nesta cidade vivindo do conto! O que da de si isto de ser a “Capital del reino”.
Nunha paralela á praza de Santa Ana mesmo atopo unha desas lavanderías das pelis americanas (lavadora 3 eur, secadora 1 eur). Tomo nota do enderezo (León, 6) por se acabase recluído nesta cidade a longo prazo e preciso dos seus servizos. Tanto camiñar ábreme o apetito e lembro a pastelería La Mallorquina (Puerta del Sol), coas súas rosquillas listas e rosquillas tontas (curiosa diferenciación, probareinas algún día a ver). Pero queda lonxe, así que continúo roteiro en pos da lotería de Nadal que, de seguro, non ha de deparar sorpresas un ano máis.
Entro na praza de Santa Ana e atopo unha dotación de antidisturbios ben armados de cascos, escudos e fusís lanzapelotas. A praza está invadida por unha marea de loiros tentando rematar coas existenzas de cervexa do país. Case todos teñen a cara tan vermella como as camisetas que levan, polo visto son hooligans dun equipo holandés que ven xogar a Champions co Xetafe (en vez de deixar os cartos alí en Xetafe... a ver de que lle vai servir isto da Champions). A praza está feita unha auténtica merda, chea de latas de cervexa e bolsas de plástico. Son caralludos estes nórdicos, van mercar o material aos ultramarinos dos chinos e séntanse con todo o morro a consumilo nas terrazas máis caras de Santa Ana. Os camareiros afanándose por barrer e recoller (hai un só barrendeiro e parece non saber por onde empezar a limpar). Ésta debe ser a famosísima e envidiada educación norteuropea. Haberá que tomar nota, aínda vai resultar que o botellón o inventaron os hooligans do norte.
Chego á porta da administración de lotería e entro asombradísimo. ¡Non hai ninguén facendo cola, a tres meses para o sorteo de Nadal! Será que hoxe non hai excursións de xubilados en M. Eu que viña contando con tragar media horiña de cola como pouco (porque sei que meu pai está a piques de encargarme o decimiño de cada ano e que non se diga, este ano de Doña Manolita). Pido dous décimos sen fixarme neles ata que saio á rúa. Este ano non toca tampouco: é o número 63966. A ver que cara lle pon meu pai.
Aínda son as sete e decido alongar o paseo, quizáis unha volta pola Calle Mayor ata a Almudena, que hai anos que non dou un paeo por esa rúa.
Pero iso queda para outra crónica, por agora abonda.

jueves, 27 de septiembre de 2007

Vai de bares.
Cando un chega a unha megacidade como M totalmente orientada ao turismo e o negocio, hai unha tarefa titánica como é atopar bares nos que sentirte a gusto, que non te timen e dispoñas dunha variedade de productos “normais”. E digo normais porque hoxe en día pódese converter nunha auténtica misión imposible facerse cun simple bocata de chourizo no centro de M.
Tés ducias de establecementos de comida turca, italiana, oriental, etc… Están os reis da fritanga e do tapeo de deseño. Pero un bocata de chourizo ou de queixo non é doado de atopar. Supoño que si os haberá nos 3 ou 4 “Museo del Jamón”, que pertencen a esa categoría de sitios aos que non entro. Simplemente porque non están feitos para min. Un sitio en pleno centro turístico, con ese nome, con xente apelotonada contra as barras correndo auténtico risco de morrer sepultados baixo toneladas de supostos xamóns que penden sobre as súas cabezas. Na entrada da miña casa da aldea sempre hai 4 ou 5 xamóns colgados, pero isto multiplícao por 10. O que me pregunto é se eses xamóns están sempre aí e xa están totalmente momificados ou se os van rotando. En 6 meses pasando por diante xamais vin a un operario descolgando un xamón, e coa xente que hai sempre (básicamente nórdicos entrados en anos que deben vir a España saber que é iso do colesterol), calculo que debe desaparecer un xamón cada media hora. En fin, que tampouco é o meu problema, pois non é un sector da hostelería que eu traballe moito.
Non hai máis remedio que patear rúas e, algunha vez “pagar o pato” para descubrir que á beira de bares megacarísimos con prezos de parque temático hai outros que por prezos normais sirven unhas racións aceptables.
A mina primeira prioridade na busca de establecementos onde calmar a sede e a fame é que neles se sirva vermouth de grifo (si, como a cervexa). A partir daí, cociña caseira sen inventos para guiris.
Saíndo do Museo del Prado basta con cruzar a avenida para entrar na rúa Huertas, a rúa máis marchosa de M, con ducias de bares de tapas, de copas e locais con música en directo (especialmente jazz e blues, o que máis teño consumido. Algún día teño que meterme nun tablao…). Case no inicio está o Bar Maceiras, unha taberna galega onde te podes sentir como se estiveras na festa do queixo de Arzúa ou na da Vincha en Cerdedo. A uns metros, nun calexón lateral está o orixinario, máis pequeno e menos invadido por guiris. Ambiente de feira, música galega (folk e folclórica, de todo. Falta Andrés do Barro) a un volume alto que obriga a falar ben alto como se estiveras na festa dos callos en Mosteiro. Todo moi rústico, prezos asequibles e decoración moi lograda (aínda que se parece máis ó parque da Warner que ó faiado da miña avoa). A grande pega deste local é o insoportable trato do persoal. As rapazas (unha galega e varias sudamericanas) non dan feito coa xente que se xunta alí, pero á “maitre” (ucraniana ou similar) fáltalle un traxe de coiro e unha fusta, porque trata á clientela cunha chulería imperdoable. Esta mesma opinión vina en páxinas onde se opina sobre os bares e a xente pon o local polas nubes pero o trato do persoal xenera unhas críticas realmente duras. E merecidas.
A carta limitada, pero cun pouco de todo a prezos asequibles. Se es galego e botas en M máis de 6 meses, recoméndoche visitalo (antes non, cando se sae da casa é para descubrir cousas distintas e aprehender).
Fuxindo apenas uns metros da praza turística por antonomasia de M (Santa Ana), en dirección á Porta do Sol atopamos unhas pequenas rúas que lembran moito á zona de viños de Pontevedra (ou ó que queda dela). Nese percorrido zigzagueante (antes mesmo da inxesta de espirituoso algún) atopamos en primeiro lugar, La Fragua de Vulcano (nunha esquina ben xeitosiña na rúa do Gato, á beira dos famosos espellos de Valle-Inclán). Carta escueta e comprensible, prezos superasequibles comparado co que che clavan 50 metros máis arriba e cociña caseira. Na carta avisan que productos son de cociña e que productos de freidora. Unha ración de calamares supón unha tarefa titánica para unha soa persoa e a tortilla é tortilla de verdade (algún día falarei das tortillas andaluzas). Por 5 euros podes tomar unha bandexa de paella que máis che vale levar un “tuper” para gardar a metade para o día seguinte. Debe estar boa porque despachan toneladas a diario, eu non podo opinar porque non me atrevo á vista das cantidades inxentes que sirven. Bastante fixen con tentar rematar unha ración de calamares que, finalmente, non conseguín deixar valeira.
Outra cuestión que puntúa a favor deste bar, ao pedir unha caña póñenche unha RACIÓN de salpicón que che quita a fame. Chapeau!!
O local está decorado ao estilo do século XVII salvo unha enorme pantalla de TV de plasma. Na miña primeira visita había uns ianquis sacando fotos dunha das corridas de San Isidro que puñan na tele. Adoitan poñer flamenco bo como música de fondo, pero no momento en que empeza un partido do Real Madrid desaparece toda esa encantadora atmósfera tradicional e rebéntanche a cabeza co partido a todo gas. Mala cousa para un culé.
Serpenteando por un par de rúas máis neste parque temático da hostelería chégase á rúa Cádiz, onde se atopa Lola La Piconera, o “bar más grande del mundo, entras por Cádiz y sales por Barcelona” (así di na porta, referíndose ás dúas rúas nas que fai esquina). Vermouth de grifo bo e para picar unha boa e rica variedade de tostas. Os calamares son quizáis mellores que no anterior e a ración máis asequible para estómagos normais. Está apenas a uns 200 metros da Porta do Sol, por se algún fin de ano queredes sair na tele e vos entra a fame de súpeto.
Imos dar un grande salto ata a outra punta “do centro”. No marchoso e fermoso barrio de Malasaña, nunha lateral da rúa do Pez, está La Copla. Un bar que aparenta ter 100 anos, con ambientación acorde ao nome (paredes cheas de fotos firmadas de actrices, músicos e raiñas da copla) e grandes tinas de aceite xenuinas. Tapeo andaluz de calidade, para sentirse como en calquera vila da baía de Cádiz, falta a brisa mariñeira. Por suposto, bo vermouth de grifo e unhas “tortitas de camarones y boquerones” que nada teñen que envidiar ás que se poidan comer en Sanlúcar. Pola zona hai auténticas reliquias históricas como Casa Julio, que parece que vaia virse abaixo en calquera momento. Ademáis, algún bar onde atopar unha ducia de vellos sufrindo polo seu Atlético de Madrid e lembrando os gloriosos tempos de Jesús Gil.
E isto é todo. Tan so son catro os bares que me atrevo a recomendar en Madrid, pero é que tampouco me adico a ir de bar en bar. O meu é o turismo culturo-arquitectónico para recollerme esgotado ao hotel onde ceo frugalmente (o peto e o bandullo non resistirían andar de cañas, vermouths e tapas 2 ou 3 días á semana).
Nembargantes, tentarei ampliar esta lista.

miércoles, 19 de septiembre de 2007

Hoxe decido facer unha pequena disección á zona da Porta do Sol en sentido Oeste-Este.
Tras unha hora de interminables atascos en bus (que cómodo era M en verán, vaia se se nota) consigo botar pe a terra en Callao para deixarme esvarar costa abaixo cara o principio da rúa Arenal. Fuxo do bullicio de Preciados meténdome por unha lateral na que atopo unha especie de zoo privado. Unha tenda de animais cunha exposición no soto á que se pode acceder previo pago de 2 euros. Anuncian, entre outras maravillas, unha tortuga de non sei cantos centos de anos (miña pobre, centos de anos metida nun soto do centro de Madrid).
Dou un lento paseo por Arenal mirando as fachadas dos edificios, práctica que lle pode crear ao paseante a sensación de estar percorrendo un camposanto; todos os edificios teñen a súa placa de mármol cun “aquí residió y falleció…”. Vexo a de Ruperto Chapí, o toreiro Frascuelo, non sei que recoñecido histiólogo, o rato Pérez
...
Si, o rato Pérez, qué pasa. O que non vexo por ningures é unha plaquiña que diga “Aquí falleció a los 47 años Fulano de Tal, tras 41 años de penosos trabajos como peón en la construcción de algunos de los impresionantes edificios y avenidas de esta ciudad, procurando mantener 8 hijos, una mujer enferma, una suegra y un cuñado epiléptico”. Non teño visto nada semellante. Iso si, o rato Pérez e o Can Paco teñen os seus recoñecementos nas fachadas de M.
A tendencia natural cando un pasea (máis que nada para conservación das cervicais) é ir parmando co que un topa á altura dos seus ollos. Eu, desde que cheguei aquí, percorro sempre as grandes avenidas e incluso as pequenas rúas mirando ás cornisas, cúpulas, torres, tellados, remates e balcóns das alturas. Coido que alguén cunha mínima afición arquitectónica podería percorrer a cidade durante semanas só contemplando as impresionantes obras de arte que algún día colgaron no ceo de M. (de feito eu fágoo, e aínda non batín coa testa en ningunha farola nin pisei merda de can algunha. Iso sí, unha vez case levo por diante un anano con cara de lituano). Todo isto ven a conto de que, entre a visión normal a ras de terra e a que disfrutamos “os cheiranubes”, atópanse as zonas intermedias das fachadas. Aí é onde se poden atopar todas esas plaquiñas a milleiros de persoeiros (fundamentalmente de ámbito exclusivamente local), rótulos das máis insospeitadas actividades (como o “Hospital de monecas” de Preciados), bandeiras do arco da vella e centos, miles, millóns deses horrorosos cartaces laranxa fosforito que dan a entender que “Madrid Se Vende”. Desde logo, os prezos inmobiliarios non serán por falla de oferta, a cuestión é se os propietarios de todos eses pisos son especuladores que só están dispostos a vender a prezo de ouro.
Estóume desviando do paseo. En Arenal,8 entro nunhas galerías para ver a pequena estatua coa que lembrán que alí “vivíu” o rato Pérez (te lo juro por snoopy, tía). Prosigo paseo por debaixo do reloxo de Ramón García e Ana Obregón para comprobar que o centro xeográfico da península segue estando diante do despacho da Espe. Aí segue, os separatistas cataláns aínda non conseguiron levar a placa do kilómetro 0 para as Ramblas (porque están ao axexo Pedro J. e Federico, que se non…).
Antes entro en “La Mallorquina” (pastelería vella-antiga-tradicional onde as haxa) disposto a probar a delicatessen máis típica que teñan. Vexo que teñen toneladas de milanesas nas vitrinas, así que sucumbo á tentación de tomar unha lambetada por primeira vez tras 6 meses en M (estou facendo unha labor de investigación ¿ou?). Dou un lento paseo atravesando a Porta do Sol mentras disfruto unha riquísima milanesa de crema que me custou ¡¡¡ 1 EURO!!!. E eu que pensaba que en M non se pode mercar por 1 euro outra cousa que non sexa un billete de metro. Iso si, sería a metade das que adoitan servir en Galiza, pero a ración é suficiente para quen só pretende darse un pequeno gustazo e non pode abusar das lambetadas (e se non, sacade outro euro máis).
Continuo roteiro pola Carrera de San Jerónimo onde atopo outro lugar tradicional do vello M. Trátase do restaurante-pastelería-chacinería Lhardy, do ano catapún e realmente fermoso. Dentro teñen un aparador duns cen anos onde te podes servir tazas de consomé quentiño e deduzo que chupiños (véxoo cheo de copiñas e con botellas que parecen de licor). Moito pijerío de gomina e traxe estreito dentro, deixo a inspección para outro día porque vou so e sentiríame demasiado ridículo no meu papel de guiri con bolsiño e guía de M. na man.
O roteiro continúa camiño do Congreso dos Deputados, pasando pola pequena praziña de Canalejas. Esta praza merece unha pequena parada, entusiasmóume desde a primeira vez que a pisei. A primeira vista é unha diminuta praza pola que podes pasar sen decatarte de que existe. Moito bullicio do tráfico e está invadida por unha pseudoestación de buses, pero hai unha terraciña dun deses “cafés vellos” e un par de sastrerías, camiserías e tendas de garabatas que lle dan un ar londinense á praza, incrementado polo fondo dos buses vermellos, as barandillas metálicas das beirarrúas e os edificios que forman a praza.
Cada vez que atraveso por aquí dedico uns minutos a empaparme da arte da arquitectura (eu, que podo parmar mirando un simple monolito mentras penso nas xentes que o ergueron hai miles de anos e que neste intre estou a contemplar a súa OBRA, aínda que non teñan plaquiñas cos seus nomes: Aquí reposan Ug e Jar, a quen lles dou por erquer aquí este pedrolo tras empuxalo durante 3 meses e despois liáronse a pedradas por un coello que pasaba por aquí, ata morrer coas cabezas desfeitas. ¿Acaso os inventores da lapidación espontánea non merecen unha plaquiña ou unha estatua tanto como Carlos III?).
Detrás desta praza, en Pozo 8, está a Pasteleria del Pozo, a máis antiga de M. Tras disfrutar contemplando a fachada prosigo coa miña labor investigadora e, facendo un serio esforzo,
gasto ¡¡¡3,5 euros!!! nunha suposta “empanadilla de atún”. Non vou comentar o producto en si por respeto ao gremio dos comerciantes tradicionais da “Villa e Corte” (o de Corte no bo sentido, quede claro). Conste que a lambetada non está mal, pero non resistiría comparacións con calquera das súas primas que podemos degustar en pastelerías galegas pola cuarta parte de prezo. Grande decepción despois do que me custou sacar do peto eses 3,5 euros que en PO me darían para media empanada pequena. En fin “pelillos a la mar” e sigamos viaxe. Continuo paseo cara o Congreso onde están en plena liorta entre separatistas e defensores da Unidad da España Indisoluble, sacando todos as camisolas das súas respectivas seleccións de fútbol a ver quen a ten máis grande. E os votantes facendo números para pagar a hipoteca e o material escolar. Sí señor, os nosos representantes sempre cos pés no chan en contacto cos problemas da cidadanía.
O frontón da fachada é fermoso, impresionante. Hoxe paso á beira dos leóns para velos de cerca (sempre pasaba enfrente para abarcar coa vista todo o conxunto). Prantáronos aí en 1872, tras fundilos co bronce duns cañóns “capturados ao inimigo” na batalla de Wad-Rass (Guerra de África, 1860. O de Perejil xa viña de máis atrás). Perto da escalinata hai no chan unhas tapas metálicas que ocultan debaixo conectores para as diferentes cadeas de TV e axencias informativas (para toma de enerxía e envío de sinal, supoño que á zona de prensa do Congreso, que está a uns 30 metros).
Fronte ao Congreso hai un carrillón con figuras goiescas móviles e articuladas que funciona cada tarde ás 8. Ten dúas fileiras de 9 campás que interpretan “unha das estacións” de Vivaldi. Quedo a contemplar o espectáculo (hai unhas 30 personas máis agardando a velo, ningún xaponés) e ao rematar fuxo destas rúas que se adiviñan excesivamente tranquilas (en media hora comeza no Bernabéu o primeiro partido da Champións, estarán todos alí).
Volve sobre os meus pasos camiño das entrañas da Terra en Callao.
Ata outra.

martes, 18 de septiembre de 2007

Hoxe comeza o inverno.
Porque si.
Porque me peta.
Porque acabo de rematar a miña última semana de vacacións e en Galiza rematou o bo tempo. Porque hai tres días que disfrutei da miña última sesión de piscina e sol. E porque estou de novo aquí... en MadriZ.
Ben. Realmente pódese dicir que rematou o verán. Ás 7 da tarde comeza o solpor, un solpor rápido, moito máis rápido que o indeciso atardecer das Rías Baixas. Aquí é día ou noite; estes madrileños non se andan con caralladas. Alá polo Noroeste... xa se sabe. Que si... que non... O sol debe ser galego porque pasa como unha hora vou non vou, coma o da escaleira.
En fin. Ao que íamos.
Pois nada, que levo case 6 meses na capital dos Austrias, dos Borbóns e dos Aznares. E o que non me decidín a facer cando cheguei aquí vouno facer agora. Contar as miñas andanzas “capitalinas”, máis que nada porque así poderei sentir algunha potencial-posible-hipotética compaña nestas inminentes noites de outono que adiviño longas e aburridas. Porque supoño que sen o sol das amadas tardes eternas de xuño non me han quedar gañas de patear cada centímetro de MadriZ durante dúas ou tres horas diarias. Ademais, podo dicir que a penas me queda recuncho ou rueiro que non pisara nestes pasados meses. E todo o que poida facer en diante será reandar o xa andado, e non parece moi procedente facer camiño onde xa o hai feito ¿ou?
Pois de aí, desas incansables sesións de sendeirismo urbano estival, sairá a información para irvos relatando nas vindeiras semanas (agardo, cando menos, seguir aquí polo Nadal e ver de preto a inevitable explosión consumista nunha grandísima cidade).
Para aclaración de “excesodetallistas e tocanapias” quero deixar claro que cando falo de MadriZ refírome á zona que pode facer diferente esta cidade de Vigo ou Santander. Para min, o interese das cidades está en catro rúas do centro (vale, aquí igual son seis ou sete) e o resto son barrios. A ver qué máis ten pasear por Ciudad Lineal ou por Cuatro Caminos que por Coia, O Burgo ou Fontiñas (deixando de lado a brisa e o cheiro a mar. Se se pode, claro).
En resume, o “meu MadriZ” vai do Parque do Oeste á Castellana (e, un chisco máis aló, o Retiro) e da Puerta de Toledo a Alberto Aguilera; engadámoslle quizais ese satélite de dubidoso bo gusto urbanístico que é a zona alta da Castellana (da praza Picasso aos novísimos rañaceos que marcan a fuxida polo Norte). O Bernabeu, mellor nin nomealo (vade retro).
Quizais alguén sinta curiosidade pola miña dispoñibilidade para o “pateo urbano” por MadriZ arriba e abaixo. Digamos simplemente que cheguei aquí un día de primavera por cuestións profesionais, deixando na Terra obrigas familiares e domésticas, e vivo (cal moderno moinante do século XXI), a cabalo entre un hotel, a T4 e a miña Pontevedriña (ai, esa praciña da Verdura) á que retorno cada venres pola tarde. Así pois, dedícolle á nobre arte de camiñar, horas que en circunstancias normais dedicaría a poñer lavadoras, recoller xoguetes, asaltar supermercados ou preparar merendas e vixiar potenciais caídas en tobogáns.
Dito doutra maneira, non tentedes reproducir as andanzas que aquí relatarei se a vosa vida é medianamente normal, pois a súa intensidade e extensión só son posibles para quen dispoña de media tarde diaria para deambular sen oficio nin beneficio (tocar ou facer que se toca a guitarra ou mesmo a pandereta en Preciados ou na Latina sempre pode ser máis lucrativo).
Coido que queda sobradamente explicada a xustificación deste blog que, máis que seguro, a ben poucos poderá interesar. Se acaso, agardo servir de guía a quen se vexa atrapado nesta inmensa urbe e precise de asesoramento turístico-hosteleiro-patrimonio-monumental (será por bares, xa veredes). O que busque trucos para aparcar axiña ou para ligar cos millóns de loiras americaniñas que invaden os hostais da Gran Vía en primavera, que probe sorte noutra parte.
Ah! E benvidos.

Aquí e a MadriZ